Para min das actividades máis importantes desta etapa son aquelas que van encamiñadas ao fomento do pracer pola lectura, xa que o interese polos contos implica o interese pola lectura. Deste xeito, grazas á colaboración das familias, que achegaron cada unha delas un conto á aula, temos unha ampla variedade de títulos para escoller que o alumnado pode levar para casa.
O desenvolvemento desta actividade require un arduo traballo por parte do alumnado.
O primeiro que fixemos foi elaborar unha ficha - rexistro para cada un dos contos que temos na aula. Nesta ficha - rexistro veñen recollidos datos como: data de saída do conto, nome da nena ou neno que o leva para casa, data de entrada, título do conto e unha foto da portada. As nenas e nenos foron os encargados de escribir os títulos.
Unha caixa de cartón decorado cos debuxos dos contos será o noso ficheiro onde gardaremos tódalas fichas. Cando o alumnado elixe o conto que quere levar para casa busca nel a ficha - rexistro.
Cando xa teñen a súa ficha - rexistro anotan a data na que se levan o conto, o seu nome e a data na que teñen que devolvelo.
A partir de esta actividade o alumnado desenvolve múltiples habilidades de lectura e escritura, matemáticas, etc. ao mesmo tempo que acadamos o principal obxectivo: "Desenvolver o pracer pola lectura".